Tuesday 07 de May de 2024

Comeza a Semana do Mar con diversas actividades que enxalzan a tradición mariñeira da Pobra


Nesta fin de semana comeza a cita que por excelencia busca poñer en valor a relación da Pobra do Caramiñal co mar a nivel social, económico, cultural e xeográfico. Trátase dunha nova edición da Semana do Mar configurada pola Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).

 

A programación arranca no día 8 co mercado mariñeiro composto por unha trintena de postos. Permanecerá ata o 10, nos Xardíns de Valle-Inclán.

 

A partir das 21.00 horas do día 10, o Cantón da Leña albergará a actuación Xentes do mar; un espectáculo de Eiradela que une o folclore galego coa narración dos oficios, tradición e costumes de finais do século XIX e principios do XX.

 

O 11 de xullo estará focalizado no deporte mediante unha visita ás instalacións do Club de Remo Puebla. O punto de encontro será a oficina do turismo, situada no parque do Castelo, ás 11.15 horas.

 

Xa no día 12 desenvolverase unha xornada de turismo mariñeiro na praia dos Raposiños, con saída establecida dende a oficina do turismo, ás 11.00 horas.

 

Xunto con José Manuel Vázquez Lijó viaxarase ao pasado da salgadura, no día 13, achegándose á vella fábrica da Laxe, en Cabío. Dará comezo ás 20.30 horas.

 

Ademais, no día 14 efectuarase unha andaina guiada polos Areos tamén a cargo de José Manuel Vázquez Lijó para descubrir o barrio industrial que alí se localizaba antano. Partirase dende as proximidades da escultura da Pescantina, ás 20.30 horas.

 

O evento chegará ao seu fin no día 15 coa inauguración da exposición A vila pobrense, as súas xentes e… o mar, ás 21.00 horas, na Casa Mariñeira. Formada por instantáneas, tanto antigas coma contemporáneas, aportadas pola veciñanza, a dita mostra poderá visitarse ata finais de mes no horario habitual da oficina.

 

Agás para o mercado mariñeiro e a estrea da exhibición fotográfica, as actividades están suxeitas a grupos limitados, polo que se require a inscrición previa. Habilítanse distintas vías de contacto: telefonicamente no 687482835, 671090262 e 981843280, marcando a extensión 2035, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas; ou de maneira presencial na propia oficina do turismo, de luns a sábado.